Aviamandu Concello de O Carballiño 2014

 

Parte da representacion do club na proba
Fotografía: Asun

 

Hoxe 7 triatletas do club (Isma, Abel, Iago, Michi, Sergio, Pablo e Carames) animáronse a inaugurar a tempada oficial de dúatlon de estrada na ourensana localidade de O Carballiño. O día presentábase frío (a pesar da calor que transmite Michi conducindo) e chuvioso (sobre todo pola auga acumulada na furgoneta que tan amablemente nos mollou ó arrancar), o cal, xunto coa orografía típica da provincia pronosticaban un circuíto complicado. Afortunadamente, a choiva respectou ós competidores durante todo o percorrido (só o chan mollado en bicicleta e algún tramo embarrado correndo perxudicaron ós triatletas) e o sol fixo tímidas aparicións, o cal agradecemos moito, sobre todo no tramo de bicicleta no que moi poucos valentes se animaron a realizalo sen luvas.

A saída presentouse moi rápida pois o primeiro quilómetro era case todo costa abaixo, pero o percorrido a pé (dúas voltas sobre un circuíto exacto de 5 km) gardábanos unha sorpresa final en forma de dura suba por un pequeno bosque algo embarrado, que se fixo bastante duro ao finalizar a segunda volta deste primeiro tramo de carreira. Todos os representantes do club fixeron un tempo magnífico nesta primeira parte, co cal empezamos animados o sector de bicicleta, que ademais, tamén comezaba cun pequeno chairo e unha rápida baixada para, na segunda parte deste, recuperar a altura perdida. Así durante catro voltas, coa típica formación de grupetas nas que abeirarse.

Máis rápido do esperado e sen o frío previsto, remataba este sector de bici para concluír o dúatlon cunha volta ao circuíto anterior pero en sentido contrario, no que se notaron as pernas cargadas, típicas destas primeiras competicións de tempada. Como sempre, todos rematamos moi contentos por realizar outra competición, destacando o extraordinario noveno posto de Ismael Lago (nunha carreira na que os primeiros clasificados tiñan un nivel elevado) e tres novos podios en categoría cadete para Iago (2º) e Sergio (3º), e en veteranos 2 un magnifico Carames conseguí o (3º) nunha categoria que demostra que as ganas moven montañas.

Crónica: Pablo Soto

Fotografías: Asun Monroy Eiquí

Clasificacións: Eiquí.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *