Campionato Galego de Cross en Friol

Éxito de participación do Club Atletismo Porriño no Campionato Galego de Cross curto por clubs e no Campionato Galego Cadete e Xuvenil de Cross desputados en Friol (Lugo)

Crónica 27/01/14

 

Gran parte do equipo do Club Atletismo Porriño que se dispoñía a participar nestas probas  deuse cita ás 9:00 no tradicional punto de encontro do aparcamento da piscina municipal do Porriño. As mochilas, o sono e as ganas de emprender as case tres longas horas de viaxe ata Friol cheaban o característico furgón branco, no que non cabían todos. Había dúbidas de se Juan Carlos, Carlos e César poderían acudir, posto que levaban varios días convalecentes dunha gripe, pero a pesar da febre e o malestar alí estaban, dispostos a sobrepoñerse. Por esta razón, houbo un coche escoba que se presentou para acoller a un par de membros do equipo pouco despois, conducido por unha das fotógrafas do club (Asun) e ao fío das 9:15 a pequena caravana de atletas emprendía a súa particular viaxe.

 

Foron varias as paradas que houbo que facer polo camiño, posto que os nervios e a necesidade de hidratarse aceleraron os ciclos fisiolóxicos de máis dun (e dunha! :D). Afortunadamente, a pesar de só atopar un bar aberto en todo o traxecto había prados e monte dabondo para facer unha pintoresca parada de emerxencia (en total foron 3). O grupo de Whatsapp que Carlos (secre) creou para a comunicación interna do equipo foi moi útil para coordinar o furgón co coche escoba, e para distraer a algúns polo camiño.

 

Chegados a Friol sobre as 12:00, o ambiente era realmente alentador. Centos de persoas, coches, autobuses e membros da organización ateigaban o entorno da veiga (porque non tiña outro nome) onde estaba despregado o circuíto. As cintas brancas e vermellas abaneaban coas ráfagas de vento que de cando en vez ameazaban con traer un ballón de choiva. O “equipo Friol-ero” achegouse a recoller os dorsais, con Juan Carlos á cabeza, que a pesares de atoparse mal fixo de condutor, líder e hincha. Alí xa se atopaban outras dúas compañeiras: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) correndo na categoría de cadete os 3150 m do circuíto, no que acadou un merecidísimo 1º posto cunha exhibición de superioridade e enteireza admirables que emocionou a todos os que puidemos estar presentes. E tamén Uxía Pérez (Tui Termalia), que  na categoría xuvenil percorreu os 4125 m en solitario acadando tamén a 1ª posición con gran superioridade.

 

Iria Rodríguez Huertas (1ª)

Foto: Eva Martínez

 

Chegara o turno para os xuvenís masculinos, e o tempo decidiu poñerllo un pouco máis difícil, e o frío fíxose notar aínda máis. Cómpre destacar a dificultade e dureza do circuíto, que na meirande parte do seu percorrido atopábase completamente enlamado ou anegado de auga, o que retrasaba en gran medida o avance dos corredores pola forza de succión do chan que engulía os pes dos participantes por riba da altura do nocello. Tanto é así, que ao pouco de saír os nosos atletas xuvenís (Carlos e Iago), este último perdeu unha zapatilla, e percorreu o resto dos 6000 m descalzo dun pe. A pesar da gripe (Carlos) e da coxeira (Iago), ambos fixeron unha exhibición de resistencia e velocidade dignas de mencionar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Iago (esquerda) e Carlos (dereita)

Foto: Asun Monroy

Nese punto chegou a hora de que o equipo feminino do club tomase conciencia da inminente saída. Tras unha breve charla co míster, que apareceu coma a estrela de Belén a dar uns valiosísimos consellos e ánimos no último minuto, as mulleres tomaron as súas posicións no caixón nº2. A saída foi rápida pero de seguido cada unha tomou o seu ritmo nos algo menos de 4000 m (malia que oficialmente eran 4175 m).

 

Equipo feminino: Irene, María, Doris, Sandra, Mónica e Eva

Foto: Asun Monroy

 

As nosas atletas María Martínez e Sandra Sobreira correron con solvencia puntuando moi adiante, mentres que Mónica Pena e Irene Sobreira fixeron unha emocionante demostración de carácter e superación, ambas cunha carreira moi decidida e uns resultados fantásticos. Pola súa banda, Eva Martínez e Doris Fernandes, debutantes non só no cross, senón tamén en competición, acadaron o seu obxectivo de rematar esta dura proba libres de lesións e con ánimos de seguir progresando, grazas en gran medida ao apoio das súas compañeiras que estiveron pendentes de animalas sempre que o circuíto deu a ocasión. O equipo feminino acadou un merecido 4º posto na clasificación por clubs.

Equipo masculino: Isma, Diego, Burgos, César, Marcos, Iago (xuvenil), Juan Carlos, Carlos (xuvenil) e o adestrador Daniel Mouriño.

Foto: Asun Monroy

 

Finalmente chegou o turno do equipo masculino, que realizou unha proba impecable. Diego Paz executou con solvencia o percorrido, acadando como é habitual unha posición moi boa tan só 31” por detrás do vencedor da proba, Pedro Nimo. A continuación, Ismael Lago mellorou a súa posición respecto do ano anterior e conseguiu entrar entre os cuarenta primeiros, aproveitando o seu gusto pola resistencia. Moi preto chegou tamén José Antonio Burgos, que fixo unha carreira moi boa dende o comezo, cun ritmo estable e unha progresión positiva. César Pérez, malia atoparse moi afectado pola gripe, e Marcos Francés, chegaron de seguido, ambos amosando unha capacidade de superación digna de mención, pechando a exitosa participación do equipo masculino porriñés.

Foto: Asun Monroy

Ao término das probas, houbo tempo para tomar fotos e intercambiar impresións co entrenador. Dani estivo atento a todos e todas, como é habitual, pendente de cada detalle, e puido compartir a alegría que sucedeu ás probas deportivas. Unha vez descargada a adrenalina, o equipo trasladouse en varias tandas ao pavillón habilitado para que os participantes se ducharan. Tamén alí aproveitouse para comer os bocadillos que Carlos (secre) se encargara de facernos chegar (Carlos, para a próxima hainos que levar con nome, que os de tortilla voaron! :D). Cerca das 16:30 o equipo emprendeu a viaxe de volta, esta vez xa mais relaixados e satisfeitos polos éxisto acadados. O grupo do Whatsapp empezou a fumear con fotos e comentarios entre os ocupantes de ambos vehículos da caravana porriñesa. Fíxose unha última parada para entrar en calor e tomar un café, onde se aproveitou para cantar o cumpleanos feliz (que aínda estaba por chegar) de Burgos e Isma.

 

Foto: Asun Monroy

 

Especial agradecemento a Carlos (secre) pola magnífica organización deportiva e loxística, a Dani polo seu apoio incondicional, a Juan Carlos e Asun por levarnos ata alí e traernos de volta, a Marcos e Asun por sacar as fotos, e a tod@s por pasar un día estupendo en tan boa compaña.

 

Asinado: Doris Fernandes

Fotos: Asun Monroy eiquí.

Fontes consultadas: http://www.atletismogalego.com/fga/p2.asp?id=2881

Clasificación: http://www.atletismogalego.com/Resultados201314/Lugo/crosscorto2014.pdf

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *