Archivo del Autor: manager

Aviamandu Concello de O Carballiño 2014

 

Parte da representacion do club na proba
Fotografía: Asun

 

Hoxe 7 triatletas do club (Isma, Abel, Iago, Michi, Sergio, Pablo e Carames) animáronse a inaugurar a tempada oficial de dúatlon de estrada na ourensana localidade de O Carballiño. O día presentábase frío (a pesar da calor que transmite Michi conducindo) e chuvioso (sobre todo pola auga acumulada na furgoneta que tan amablemente nos mollou ó arrancar), o cal, xunto coa orografía típica da provincia pronosticaban un circuíto complicado. Afortunadamente, a choiva respectou ós competidores durante todo o percorrido (só o chan mollado en bicicleta e algún tramo embarrado correndo perxudicaron ós triatletas) e o sol fixo tímidas aparicións, o cal agradecemos moito, sobre todo no tramo de bicicleta no que moi poucos valentes se animaron a realizalo sen luvas.

A saída presentouse moi rápida pois o primeiro quilómetro era case todo costa abaixo, pero o percorrido a pé (dúas voltas sobre un circuíto exacto de 5 km) gardábanos unha sorpresa final en forma de dura suba por un pequeno bosque algo embarrado, que se fixo bastante duro ao finalizar a segunda volta deste primeiro tramo de carreira. Todos os representantes do club fixeron un tempo magnífico nesta primeira parte, co cal empezamos animados o sector de bicicleta, que ademais, tamén comezaba cun pequeno chairo e unha rápida baixada para, na segunda parte deste, recuperar a altura perdida. Así durante catro voltas, coa típica formación de grupetas nas que abeirarse.

Máis rápido do esperado e sen o frío previsto, remataba este sector de bici para concluír o dúatlon cunha volta ao circuíto anterior pero en sentido contrario, no que se notaron as pernas cargadas, típicas destas primeiras competicións de tempada. Como sempre, todos rematamos moi contentos por realizar outra competición, destacando o extraordinario noveno posto de Ismael Lago (nunha carreira na que os primeiros clasificados tiñan un nivel elevado) e tres novos podios en categoría cadete para Iago (2º) e Sergio (3º), e en veteranos 2 un magnifico Carames conseguí o (3º) nunha categoria que demostra que as ganas moven montañas.

Crónica: Pablo Soto

Fotografías: Asun Monroy Eiquí

Clasificacións: Eiquí.

Campionato Galego de Cross en Friol

Éxito de participación do Club Atletismo Porriño no Campionato Galego de Cross curto por clubs e no Campionato Galego Cadete e Xuvenil de Cross desputados en Friol (Lugo)

Crónica 27/01/14

 

Gran parte do equipo do Club Atletismo Porriño que se dispoñía a participar nestas probas  deuse cita ás 9:00 no tradicional punto de encontro do aparcamento da piscina municipal do Porriño. As mochilas, o sono e as ganas de emprender as case tres longas horas de viaxe ata Friol cheaban o característico furgón branco, no que non cabían todos. Había dúbidas de se Juan Carlos, Carlos e César poderían acudir, posto que levaban varios días convalecentes dunha gripe, pero a pesar da febre e o malestar alí estaban, dispostos a sobrepoñerse. Por esta razón, houbo un coche escoba que se presentou para acoller a un par de membros do equipo pouco despois, conducido por unha das fotógrafas do club (Asun) e ao fío das 9:15 a pequena caravana de atletas emprendía a súa particular viaxe.

 

Foron varias as paradas que houbo que facer polo camiño, posto que os nervios e a necesidade de hidratarse aceleraron os ciclos fisiolóxicos de máis dun (e dunha! :D). Afortunadamente, a pesar de só atopar un bar aberto en todo o traxecto había prados e monte dabondo para facer unha pintoresca parada de emerxencia (en total foron 3). O grupo de Whatsapp que Carlos (secre) creou para a comunicación interna do equipo foi moi útil para coordinar o furgón co coche escoba, e para distraer a algúns polo camiño.

 

Chegados a Friol sobre as 12:00, o ambiente era realmente alentador. Centos de persoas, coches, autobuses e membros da organización ateigaban o entorno da veiga (porque non tiña outro nome) onde estaba despregado o circuíto. As cintas brancas e vermellas abaneaban coas ráfagas de vento que de cando en vez ameazaban con traer un ballón de choiva. O “equipo Friol-ero” achegouse a recoller os dorsais, con Juan Carlos á cabeza, que a pesares de atoparse mal fixo de condutor, líder e hincha. Alí xa se atopaban outras dúas compañeiras: Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) correndo na categoría de cadete os 3150 m do circuíto, no que acadou un merecidísimo 1º posto cunha exhibición de superioridade e enteireza admirables que emocionou a todos os que puidemos estar presentes. E tamén Uxía Pérez (Tui Termalia), que  na categoría xuvenil percorreu os 4125 m en solitario acadando tamén a 1ª posición con gran superioridade.

 

Iria Rodríguez Huertas (1ª)

Foto: Eva Martínez

 

Chegara o turno para os xuvenís masculinos, e o tempo decidiu poñerllo un pouco máis difícil, e o frío fíxose notar aínda máis. Cómpre destacar a dificultade e dureza do circuíto, que na meirande parte do seu percorrido atopábase completamente enlamado ou anegado de auga, o que retrasaba en gran medida o avance dos corredores pola forza de succión do chan que engulía os pes dos participantes por riba da altura do nocello. Tanto é así, que ao pouco de saír os nosos atletas xuvenís (Carlos e Iago), este último perdeu unha zapatilla, e percorreu o resto dos 6000 m descalzo dun pe. A pesar da gripe (Carlos) e da coxeira (Iago), ambos fixeron unha exhibición de resistencia e velocidade dignas de mencionar.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Iago (esquerda) e Carlos (dereita)

Foto: Asun Monroy

Nese punto chegou a hora de que o equipo feminino do club tomase conciencia da inminente saída. Tras unha breve charla co míster, que apareceu coma a estrela de Belén a dar uns valiosísimos consellos e ánimos no último minuto, as mulleres tomaron as súas posicións no caixón nº2. A saída foi rápida pero de seguido cada unha tomou o seu ritmo nos algo menos de 4000 m (malia que oficialmente eran 4175 m).

 

Equipo feminino: Irene, María, Doris, Sandra, Mónica e Eva

Foto: Asun Monroy

 

As nosas atletas María Martínez e Sandra Sobreira correron con solvencia puntuando moi adiante, mentres que Mónica Pena e Irene Sobreira fixeron unha emocionante demostración de carácter e superación, ambas cunha carreira moi decidida e uns resultados fantásticos. Pola súa banda, Eva Martínez e Doris Fernandes, debutantes non só no cross, senón tamén en competición, acadaron o seu obxectivo de rematar esta dura proba libres de lesións e con ánimos de seguir progresando, grazas en gran medida ao apoio das súas compañeiras que estiveron pendentes de animalas sempre que o circuíto deu a ocasión. O equipo feminino acadou un merecido 4º posto na clasificación por clubs.

Equipo masculino: Isma, Diego, Burgos, César, Marcos, Iago (xuvenil), Juan Carlos, Carlos (xuvenil) e o adestrador Daniel Mouriño.

Foto: Asun Monroy

 

Finalmente chegou o turno do equipo masculino, que realizou unha proba impecable. Diego Paz executou con solvencia o percorrido, acadando como é habitual unha posición moi boa tan só 31” por detrás do vencedor da proba, Pedro Nimo. A continuación, Ismael Lago mellorou a súa posición respecto do ano anterior e conseguiu entrar entre os cuarenta primeiros, aproveitando o seu gusto pola resistencia. Moi preto chegou tamén José Antonio Burgos, que fixo unha carreira moi boa dende o comezo, cun ritmo estable e unha progresión positiva. César Pérez, malia atoparse moi afectado pola gripe, e Marcos Francés, chegaron de seguido, ambos amosando unha capacidade de superación digna de mención, pechando a exitosa participación do equipo masculino porriñés.

Foto: Asun Monroy

Ao término das probas, houbo tempo para tomar fotos e intercambiar impresións co entrenador. Dani estivo atento a todos e todas, como é habitual, pendente de cada detalle, e puido compartir a alegría que sucedeu ás probas deportivas. Unha vez descargada a adrenalina, o equipo trasladouse en varias tandas ao pavillón habilitado para que os participantes se ducharan. Tamén alí aproveitouse para comer os bocadillos que Carlos (secre) se encargara de facernos chegar (Carlos, para a próxima hainos que levar con nome, que os de tortilla voaron! :D). Cerca das 16:30 o equipo emprendeu a viaxe de volta, esta vez xa mais relaixados e satisfeitos polos éxisto acadados. O grupo do Whatsapp empezou a fumear con fotos e comentarios entre os ocupantes de ambos vehículos da caravana porriñesa. Fíxose unha última parada para entrar en calor e tomar un café, onde se aproveitou para cantar o cumpleanos feliz (que aínda estaba por chegar) de Burgos e Isma.

 

Foto: Asun Monroy

 

Especial agradecemento a Carlos (secre) pola magnífica organización deportiva e loxística, a Dani polo seu apoio incondicional, a Juan Carlos e Asun por levarnos ata alí e traernos de volta, a Marcos e Asun por sacar as fotos, e a tod@s por pasar un día estupendo en tan boa compaña.

 

Asinado: Doris Fernandes

Fotos: Asun Monroy eiquí.

Fontes consultadas: http://www.atletismogalego.com/fga/p2.asp?id=2881

Clasificación: http://www.atletismogalego.com/Resultados201314/Lugo/crosscorto2014.pdf

Duatlón Cross de Maside 2014


Quique Moran no peldaño máis alto

Fotografía: Alberto Domínguez

Din que os pronósticos ou estadísticas están para rompelas, e así fixo o noso “trilero” Enrique Morán no día de hoxe no duatlón cross de Maside, terceira proba puntuable para o circuito galego. Quique Moran vencía hoxe en contra de todas as previsións, acadando así un importante triunfo para o Atletismo Porriño.

O club desprazou a 8 trileiros á localidade de Maside para o duatlón cross que se celebraba hoxe. Mañá gris cunha temperatura boa para a práctica deportiva e na que a choiva deunos unha tregua; aínda que amenazaba, non fixo acto de presenza.

Circuito duro o de Maside, que ainda sendo apto para rodadores, acumulaba moito desnivel. Se ben o primeiro sector da carreira a pé de 6km. iniciábase en sentido descendente durante 1,2 km., o tramo intermedio de monte percorríase en continuo sube e baixa, facendo finalmente o paso por meta noutra ascensión de 1 km aproximadamente. Neste primer sector, Elpidio González sería o que mandaría con autoridade.

O sector de bicicleta iniciábase en subida durante casi un kilometro, para despois meterse no monte para afrontar un circuito bastante duro técnicamente onde especialistas do Btt e as bicicletas de 29” foron o referente. Neste sector o dominador sería Marcos Mayo, ainda que o noso «trilero» Quique Morán tiraría da súa incontestable raza ciclista para pegarse ó líder da proba e pegar o ataque definitivo no último sector de carreira e levarse a victoria.

O último sector de carreira faríase ó inverso que o primeiro, así o que antes se baixaba agora había que subilo. Así remataba a proba cunha ascensión de 1,2 km que co cansancio acumulado durante a proba, fíxoo extremadamente duro.

A expedición porriñesa a Maside, atopábase chea de ledicia ó enterarse da victoria de Quique Morán. Estando nesas terras, so se podería celebrar cunhas tapiñas de polbo, que sentan de maravilla cando se fai na armonía que ten este grupo.

Parabéns a Rubén Sío, Alberto Domínguez, Abel De Barros, Felipe Domínguez, Diego Salgueiriño, David Alonso, Isidro Domínguez e Jose Luís Castro.

 

Agradecer a Michi, Bea, Eva, Santiago Romero e jose Salgueiriño por desplazarse ata Maside para acompañarnos e darnos folgos.ç

Crónica: Alberto Domínguez

Fotografía: Alberto Domínguez

Cross de Boborás 2014

 

 

Representación do club
Fotografía: Irene Sobreira

 

O domingo pasado os nosos atletas acudiron ó mini trail que organiza dende hai moitos anos o Concello de Boborás. A distancia a percorrer  foi sobre 8 km aproximadamente na proba absoluta (xunto co canicross tamén disputado), e de 4,5 km nas categorías inferiores.

Primeiro, deuse a salida da proba máis curta, onde participaron Carlos Vidal e Iago Sobreira, proclamándose primeiro e segundo respectivamente parando o crono en 15´48” e 15´49”. Pola parte feminina nesta distancia participou Carla Guisande, chegando terceira nun tempo de 19´33”. 

A proba absoluta contou con César Pérez (3º posto cun rexistro de 28´14”), Juan Carlos Vidal (9º 29´31”) e Sandra Sobreira (2ª da xeral feminina nun tempo de 35´14”).

O circuito desenvolveuse polo monte, por pistas de terra, onde contínuamente subíase, baixábase e saltábanse charcos. Según os nosos atletas, de vez en cando agradécese esta variabilidade de percorridos, posto que resultan menos monótonos e máis divertidos; xa non prima tanto a velocidade como a forza ou soltura que fan falta para correr e disfrutar das paisaxes da montaña.

Tamén agradeceuse á organización polos doces e o chocolate quente que proporcionaron ós particpantes ó rematar a proba. Ainda que non chovera durante toda a mañán o frío deuse a notar.

Crónica: Sandra Sobreira

Fotografías: Irene Sobreira. Podedes consultalas eiquí.

XVI EDP Gas MEIA MARATONA MANUELA MACHADO

Co despunte do día   desprazaronse o pasado domingo varios integrantes do Atletismo Porriño, alá ata onde o río Lima mesturase cas augas do Atlántico. Alí  na fermosa cidade Viana do Castelo e a sombra do templo de Santa Luzia, congregáronse preto de 4.000 runners, para as 10:30 da maña tomar a saída dunha proba a que o bo tempo acompañou durante toda a súa celebración.

A masiva afluencia de corredores, a falla absoluta de previsión dos organizadores ó non adoptar medidas que permitisen unha saída escalonada e as reducidas dimensións da rúa onde se situaba o punto de partida, convertiron o inicio da proba nun autentico caos, que a maiores de penalizar o tempo do crono de moitos atletas, estivo apiques de provocar algún incidente entre os mesmos.

Superados eses difíciles primeiros compases, a proba coñecida entre os populares pola dureza dun percorrido de eses de ida e volta e con numerosas pendentes, transcorría con absoluta normalidade.

Na cabeza desa marea humana que percorría as rúas de Viana, marchaba un reducido grupo de atletas entre os cales se atopaba Alejandro Fernández, o ourensán que se está a iniciar nesta distancia, mantivose na pelexa polos postos que daban dereito a subir o podio ata ben avanzada a proba, acadando finalmente unha meritoria cuarta posicion; finalmente o luso Hermano Ferreira proclamouse vencedor da competición, sendo a segunda e terceira praza para Daniel Pinheiro e Paulo Gomes respectivamente, na categoría feminina a tamén portuguesa Dulce Felix do Sport Lisboa e Benfica acadou a primeira posición.

Entre os compañeiros que se desprazaron a Viana, compre salientar a actuación de Marcos Francés, quen o igual que rezaba a letra daquela famosa cantiga de El Consorcio, foi quen marchar a maior velocidade que aquel Exprés que viaxaba cara a lisboa, e así ó “compás do chaca cha do trén” consegui alcanzar as distinguidas rúas adoquinadas do casco urbán que indican a proximidade dunha meta que logrou cruzar cando o crono marcaba 1 hora e 18 minutos, noraboa Marcos¡¡¡¡

 

Marcos Francés na liña de chegada

 

Tamén representaron o Atletismo Porriño, Roberto Alonso Vázquez (1:20:04) Carlos Santos Argibay (1:30:52)  Amador Reboreda Grana (oficioso do Club)(1:31:37)  Manuel Martinez Fernandez (1:41:41) José Ramón Conde Torres (1:47:09) e Rafael Gutierrez Araujo (1:47:15) por alí tamen se atopaba Isaias Burlido do cal non atopamos cifras oficiais.

 

Crónica: Roberto Alonso

Fotos: http://www.mmviana.com

VI Duatlón cross de Beariz 2014

 

Iván Reguera disfrutando do momento
Fotografía:Cristal

 

Un ano máis as condicións climáticas  deron un toque máis de dureza a un percorrido de por si moi duro.  Beariz non defraudou.

A mañá comezaba cunha lixeira nevada, para dar paso a intervalos de choiva e sol. Os duatletas se enfrentaban a un percorrido de 5 km  de gran beleza, pero moi duro.  Coas pernas quentes, subíronse ás Btt para percorrer 21km por uns sendeiros cheos de barro, pedras e moita  auga. E para rematar, un mini trail de 2.5km.

Con estas condicións presentáronse na liña de saida representando o club Iván Reguera, Rubén Sío, Diego Salgueiriño,Miguel Fernández, David Alonso e Abel Barros.

A mala sorte  cebouse con Diego Salgueiriño, ó ter que abandoar por un pinchazo na roda traseira, mesma sorte correu  Abel Barros que debutaba co  club, pero as ganas de rematar foron superiores e con cambio da cámara, estilo formula un puido rematar a proba.

Noraboa ós  cinco por rematar esta carreira tan dura. E grazas a Cristal, Santiago e Eva polo seus animos durante toda a proba.

Desexarlle a Priscila Suarez do Trinity Triatlon unha pronta recuperación.

 

As nosas fotos: https://plus.google.com/photos/114587425111751716667/albums/5970728227605176593

 

Crónica: Victor Mouriño

Fotografía: Cristal

Campionato Provincial de Cross en Ribadavia

Este pasado domingo celebrouse o Campionato Provincial de Cross en Ribadavia,  organizado polo Club Deportivo Aurum e a Delegación da FGA.

A pesar do mal tempo, os nosos atletas fixeron presencia neste acto. Foi un circuito no que a choiva e o frio fixéronse notar, e no que o uso das zapatillas de clavos eran imprescindibles para correr polo barro. A primeira carreira foi a de cadete e xuvenil, na que Carlos Vidal e Iago Sobreira acadaron o 3º e 4º posto respectivamente, cun rexistro de 14′ 55» e 14′ 59» sobre unha distancia de 4km. A seguinte carreira onde o Club Atletismo Porriño estivo representado foi na de alevíns, onde Carla Guisande acadou o 2º posto nuha distancia de 1km. Por último, na carreira absoluta feminina Sandra Sobreira percorreu 5km nun tempo de 22’51», e acadou o 8º posto absoluto e 1º na categoría promesa.

Sandra, e a muchachada do club: Carlos e Iago.

En xeral, a pesar do frio, as sensacións dos nosos atletas foron moi boas e o circuito gustou moito. Esta carreira deixou un bo sabor de boca para participar no seguinte cross, que sera o Campionato Galego Cadete-Xuvenil e o curto por clubs o vindeiro 26 de xaneiro en Lugo.

Os resultados da carreira poden consultarse aquí http://www.atletismogalego.com/Resultados201314/Ourense/ro120114.pdf

Foto e crónica: Sandra Sobreira

XXXI San Xiao. Ferrol

María Martínez, atleta do noso club, marchou a fin de semana pasada a visitar á súa gran amiga Melina Alonso, unha excelente atleta tamén.

En vez de sair a romper as pistas de baile, preferiu irse a rompelas nas de asfalto, na XXXI edición da San Xiao en Ferrol.

Isto foi o que nos enviou por mail. Trátase da crónica máis curta  do que levamos de historia!.

María Martínez a piques de meter o pé nun raíl.

 

«Hola, te cuento un poco de la carrera, es que no se me da muy bien…

El domingo se celebro la carrera de san Xiao, en Ferrol. Fue una carrera marcada por el agua y por el viento, pero aun asi la gente se animó , sobre 700 corredores que recorrimos las calles de Ferrol.

Finalmente se impuso Brais Canosa, en categoria masculina y Paula Mayobre en femenina.«

Dáseche caralludamente, xa está feita!.

Como María Martínez é un tanto modesta, dicir que rematou 3ª na xeral feminina e 2ª na categoría senior….casi que nada.

A súa colega Melina Alonso, rematou 2ª na xeral…casi que nada tamén.

Qué prosiga a amizade por moitos anos!.

 

María Martínez e Melina Alonso

Crónica curta: María Martínez.

Apoio á crónica: Atletismo Porriño

Fotografía: Sacada do foro de fotos da web Correr en Galicia (www.correrengalicia.org). Autor, José Antonio Paz Lobeira

III EDICION CORRENDO POR VIGO

Este domingo celebrouse no  Calvario a III Edición da carreira popular Correndo por Vigo, unha proba ca que se iniciaba o circuito das populares previstas na cidade olivica para este novo ano.

Máis dun milleiro de atletas estaban citados ás portas do  mercado do popular barrio vigués, para ás 11 da mañá tomar a saída  dunha proba marcada polas  inclemencias   metereolóxicas, algo que sen dúbida incrementou a dureza dun percorrido cun perfil extremadamente esixente.

Finalmente,  Pedro Nimo co seu recén estreado equipo DARE2B, proclamouse vencedor da competición; o Santiagués quen impuxo un forte ritmo dende o inicio superou con relativa comodidade a Daniel Bargiela (Bikila) e Rafael Fuentes Lubian (Sociedade Gimnástica de Pontevedra) segundo e terceiro respectivamente.

 

Ismael Lago Monroy durante a carreira.

Fotografía: Alexha Photos

Representaron o Atletismo Porriño, Ismael Lago Monroy quen a cadou unha meritoria decimo cuarta posición na clasificación xeral, Marcos Francés Gómez (16º) Roberto Alonso Vázquez (28º) Pablo Regueira Martínez (227º) José Isaias Burlido Borrego(412º) e  José Ramón Conde Torres (416º)

Crónica: Roberto Alonso

Foto: Alexha Photos

II Duatlón Cross Concello de Ribadumia 2014

Saida tempada pasada
Fotografía: Cristal e Ivan

 

Onte iniciouse a tempada 2014  de Duatlón Cross nas inmediacións do clube náutico o Muiño de Ribadumia. Algúns dos nosos “Trileros” facendo un simil ca modalidade de ciclocross, adoitan decir que comenza o barro, e onte foi ben certo.

O circuito que tiñan preparado para este comenzo de ano, seguro que non deixou indiferente a ninguén. Duas voltas iniciais na carreira a pé que transcurriron en meirande parte polas veigas das inmediacións, totalmente cheas de barro a mor das choivas no que manterse en pé xa sería unha proeza, o de ter máis ou menos velocidade era para os que máis en forma estaban.  Neste primeiro sector, acabaría sendo o millor Elpidio Sousa, ben seguido por Brais Misa e Marcos Mayo.

O sector de bicicleta sufría algún cambio respecto o percorrido do ano anterior, así tiña unha zona de monte no seu inicio moi técnica, con unha costa e baixadas iniciais moi trialeiras e seguindo ca parte de veigas con barro ó máis puro estilo ciclocross, donde baixar da bicicleta e ir correndo ou as novedosas bicicletas de 29” foron o máis recomendable para superar ese sector que levaba a outra zona a carón do río Umia, no que había que pasar un par de pontes e xa se remataba con un carreiro de terreo máis estable. No sector da bicicleta, collerían o mando da carreira Brais Misa e Marcos Mayo  por diante de Elpidio Sousa ainda que o mellor tempo o marcaría Manuel Otero do Team Corbelo.

O segundo sector da carreira a pé definiría o vencedor da proba, no mesmo percorrido que o anterior, no que sería o mellor Brais Misa, impondose na proba a Marcos Mayo e Miguel Anxo Arias do Team Corbelo. En Féminas, unha excelente carreira deronlle a victoria a Verónica Montes villar do Trinity team, seguida de Silvia García e Lorena García, as dúas do Triatlón Mar de Vigo.

Os nosos trileros, acadarían un meritorio 4º Posto por equipos, resaltando a Quique Morán que é unha garantía nestas probas, sendo 6º da Xeral, a Rubén Sío que fixo unha fantástica proba e sería o 28 na meta e a noso Debutante  David Alonso que se estreaba cun meritorio 48º posto.

O resto dos nosos trileiros foron: Abel Jose De Barros 53º, Alberto Domínguez 61º, Felipe Domínguez 64º, Miguel Fernández 65º, José Manuel Caramés 69º, Diego Salgueiriño 72º, Santiago Romero 75º e Isidro Domínguez 81.

E destacar tamén e agradecer a presencia dos nosos mellores animadores que se desprazaron a Ribadumia, os nosos reporteiros Cristal e Iván, e Jose Salgueiriño que foi o encargado da furgoneta.

Cronica :Alberto Dominguez