Campionato de Europa Youth de Banyoles 2015

 

 

Grazas ó cuarto posto obtido no Campionato de España de Triatlón de Pontevedra, celebrado o pasado 21 de xuño, Iria foi convocada a participar no Campionato de Europa Youth de Banyoles. Foi unha sorpresa, xa que non contabamos nin con que quedara tan adiante na proba de Pontevedra, nin que nas bases da mesma se indicara que era clasificatorio para o Campionato de Europa Youth.

De feito, despois do seu meritorio segundo posto individual e terceiro por equipos no Campionato de España por Autonomías de Águilas, celebrado a semana seguinte ó de Pontevedra, Iria tiña previsto ir a Inglaterra durante semana e media, e así o fixo. Por tanto, a preparación que levou para este Campionato de Europa foi máis que discreta, pero a ilusión pode con todo.

E así foi. O xoves viaxe a Banyoles, tan lonxe de Galicia como Galicia do mundo. Precioso entorno, e boa idea a da FETRI en convocalos desde o xoves, para que puideran descansar das viaxes e aclimatarse ó entorno. Alí quedou a media tarde, co resto dos e das atletas. Dani e máis eu baixamos a Girona, a facer un pouco de turismo de todo tipo (gastronómico, cultural, etc.). Chegamos a “besar el cul de la lleona”, que é o que manda a tradición para voltar a Girona.

Subimos a Banyoles un par de veces máis, antes da proba, para falar con Iria, pero sen interromper na concentración. E chegou o domingo. A proba Youth desenvólvese por relevos de tres componentes, con probas separadas para cativos e cativas. Iria participou no equipo II feminino de España, con 14 equipos en total (42 triatletas).

Non todas as componentes do equipo facían exactamente o  mesmo percorrido, polo que resulta compicado establecer comparacións entre triatletas a nivel individual, pero cando lle tocou saír no seu relevo, o segundo, nadou bastante ben, fixo a bicicleta cunha triatleta portuguesa e outra ucraina, e na carreira a pe deixou atrás ás súas compañeiras de viaxe. O resultado final, décimo posto por equipos, é intrascendente xa que só puntuaba o primeiro dos equipos de cada país. A nivel individual, a satisfacción de ter dado todo e a comprobación de que aínda queda moito por facer, pero que hai tempo por diante. Seguro que virán outras probas máis para seguir mellorando.

E falando de equipos, destacar a diferencia que puidemos observar na mentalidade dos diferentes países, como demostración dunha diferente cultura deportiva. Detalles coma o quencemento, esperar todas xuntas a chegada das que quedaban, a organización interna para coordenar o traballo… En fin. Unha bonita experiencia que sumar ó curriculum deportivo. Unha vez rematada a proba, volta para casa: 1.200 quilómetros.

IMG_0933

 

Crónica: Jose A.Rodriguez

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *