Campionato Galego Cadete en Pista Cuberta: Iria, campioa galega en 600 ml

Campionato Galego Cadete en Pista Cuberta: Iria, campioa galega en 600 ml

Celebrouse o domingo 9 de febrero o Campionato Galego Cadete en Pista Cuberta, que como non pode ser doutra forma foi en A Coruña. A ver se os nosos netos poden ver que se faga en Galicia unha pista cuberta de atletismo decente (a de A Coruña é a de corda máis pequena de España, e que non nola quiten). En fin, imos ó noso.

A carreira foi un pouco desastre. A xuiza quería dar a saída desde a liña do 500, e foi Iria, xunto con outra nenas, quen avisou do erro. En total, participaron 12 rapazas, e para unicamente catro rúas podedes imaxinar o barullo. Para abondar no descontrol, a Iria tocoulle a última: castigada contra a parede. Non valen as marcas: o sistema que teñen para ordealas na saída é aleatorio. Señores e señoras da Federación: a ver se buscan outro criterio un pouco máis técnico, e corrixen dunha vez o nome do noso club e o nome de Iria, que empeza a teñen con minúscula (isto é o que aparece na acta do campionato: iria Rodriguez Huertas Atletismo Porriño). Xa o reclamamos. A ver se nos fan caso.

Menos mal que na saída, Iria puido escaparse sen problemas, non sen facer un esforzo importante na primeira volta. O resto foi manter as dúas seguintes voltas, para acabar acelerando na derradeira, sacando á segunda e á terceira clasificada -que foron á roda toda a proba-, máis de 2.5 segundos. Houbo 7 rapazas por encima dos dous minutos, e con isto volvemos ó barullo da saída: ¿costará moito ter en conta isto, que xa era visto desde antes de empezar?. Un apunte máis: preguntamos polas duchas, e parece que, ata esa proba, foi a única que necesitou ducharse, porque ninguén sabía delas. Debe ser que o resto de rapaces e rapazas non súan cando corren, supoño, ou que temos uns costumes moi raros no club.

 

 

A marca de 1.40.02, discreta para ela,  é mínima para o Campionato de España en Pista Cuberta, a celebrar en Antequera os días 15 e 16 de marzo de 2014, e deberá elixir entre 600 ml, 1000 ml e 3000 ml, xa que só pode facer unha delas, pero isto xa o tratará con Dani máis adiante, porque desgraciadamente en Galicia non ten con quen correr, pero en España xa é outra cousa (a marca obtida en 600 ml é a 5ª de España en PC e a 4ª ó aire libre, no 1000 tén a 2ª en pista cuberta e 1ª ó aire libre, e no 3000 ten a 1ª en pista cuberta e a 2ª ó aire libre). E para celebrar a medalla, directamente desde A Coruña ata Vigo comendo un bocadillo no coche, adestramento de natación con Dani de hora e vinte minutos na piscina do Nautico de Vigo: a vindeira semana ten o Campionato Galego de Natación Júnior en Ourense. Seguiremos informando.

 

 

 

 

 

Share this post