Desafio Courel 2014

Esta fin de semana, unha pequena representación do club dispoñíase a completar un novo reto marcado no almanaque, o Desafío Courel, unha ultra maratón mtb con 93 Km de diversión nunha paraxe natural de incuestionable beleza a moi poucas horas da casa.
Todo comezaba o pasado venres. Miguel, Dani, Quique, Iván, Víctor e David cargaban no furgón todo o material necesario para afrontar o reto con destino Quiroga, lugar onde se daba a saída e onde estableceriamos o noso cuartel xeral, nunca mellor dito, posto que parte da expedición ao chegar o albergue recordaba aqueles marabillosos anos da mili… ¡que nunca tiveron! O equipo concentrábase nos bares, como non podía ser doutro xeito, para preparar a estratexia a seguir ao día seguinte. Logo dunha botella de viño e unha boa cea, estaba xa todo decidido: ‘‘Quique, ti tira que nos… imos detrás’’.
Sábado 8:00 horas.
Dábase o bocinazo de saída coas grades figuras da carreira á cabeza do pelotón: Quique, Brandán, Mauro… os cales comezaron desde o inicio a un bo ritmo, mentres que o resto dos mortais centrabámonos no noso obxectivo que non era outro que completar o percorrido que nos ofrecía uns nada despreciables 4100m de desnivel positivo que poderiamos cualificar de… un pouco ‘‘bravos’’.
As subidas e baixadas íanse sucedendo ao longo dun percorrido moi bonito pero a súa vez moi esixente, ata o punto que en innumerables tramos do percorrido ir encima da bicicleta se cadra era imposible, penso non equivocarme se digo que nin os »riders» máis experimentados eran capaces de afrontar algunhas das subidas sen poñer o pé a terra, poñamos por exemplo o mirador Pía Paxaro que quedará gravado na nosa memoria coma se dun Alpe d’Huez tratásese.
Unha vez completada a gran cota do percorrido xa no Km 64, algúns inxenuos pensabamos que xa estaba todo feito, ¡pero non!, as subidas aínda que non tan continuas seguían sucedéndose case ata a chegada á meta de Quiroga.
Con maior ou menor sufrimento, todos os integrantes da expedición porriñesa fomos completando o desafío, destacando o gran papel que fixo Quique na proba, que pese haber picado unha roda ao comezo do percorrido, finalizou en quinta posición moi preto dos tempos de podio, o cal estaría encabezado por Brandán seguido por Mauro e Jorje Punzón.
Kike volve a demostrar que e doutra pasta, quinto e con pinchazo incluido.
Non nos podemos esquecer de todo o apoio que tivemos da xente que nos fomos atopando ao longo do circuíto, da organización, dos voluntarios, e en especial a Cristal e Ana que se desprazaron a Terras do Courel para inmortalizar a alegría de completar semellante reto, moitas grazas a todos. E como manda a tradición, despois do reto vén a birra, e así foi.
Momento birra, faltan na foto Dani Mckay e Miguel Fernandez
A grupeta reuniuse de novo para festexar o logro conseguido, repoñer calorías e irse de festa… bueno, o corpo non daba para tanto e a festa quedou para o domingo que para iso son as festas do pobo.

 

Ata o próximo reto, ¡vémonos nos adestramentos!

 

Crónica: David Mariño

Fotografias: Cristal e Ana Eíqui

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *