I triatlon Concello de Muxia 2013

I triatlon Concello de Muxia 2013

Tras un bo madrugon o domingo (a viaxe ata Muxía dura aproximadamente 2 horas e cuarto), presentábase unha boa mañá para competir  neste novo triatlón popular, pois á temperatura de 17 graos e ceo cuberto, uníase un mar totalmente en calma e só un pequeno vento ao saír do pobo no tramo de bici fixo que o clima non fose perfecto.

Durante o minisprint, pode verse como a T1 é moi rápida, pois a transición é unha explanada xusto á saída da auga, sendo as saídas en bici e a carreira algo complicadas, a o ter que remontar unha pequena costa. Pero grazas aos consellos do noso adestrador, todos temos o desarrollo axeitado para que na bici case nin se note.

 

Tras uns minutos de atraso sobre o horario previsto, pois os xuíces insistiron durante un anaco que algúns triatletas superaban a liña de saída e tiñan que atrasarse, comeza a competición cun mar que será imposible que estea en mellores condicións, na que dende o primeiro momento se destaca David Domínguez, que cada día está máis forte, seguido de Isma. Pouco despois, saen da auga Pablo e Saúl, que non hai carreira este ano na que non vaian todo o anaco xuntos e neste caso máis, pois remataron cruzando a meta abrazados. Jose Luis, tras unha longa tempada retirado da competición por problemas físicos, sae quinto e só un pequeno problema, por tragar preto dun litro de auga salgada, fai que Felipe teña que parar preto dun minuto e non estea ao nivel que el ten e a continuacion sae Jorge Alvarez, con gran merito a o non poder adestrar.

A bici ten un tramo moi técnico, con moitas curvas e pequenos pendentes dentro do pobo, para saír logo á estrada con algún pendente máis longo pero non especialmente duro. Neste sector,Isma demostra o grande ciclista que é e remonta posicións , conseguindo adiantar a David, que tamén mostra un gran nivel. Mención especial a Jose Luis, que parece unha frecha e adianta a Saúl e Pablo, que, como non, dende a segunda volta van xuntos, dándose relevos nun grupo formado aproximadamente por 8 triatletas. Felipe e Jorge Alvarez van recuperando posicions neste sector.

Xa na carreira a pé, nun circuíto de 3 voltas totalmente plano, todos dan un nivel espectacular que queda reflectido nas súas clasificacións  finais, destacando a Saúl que, tras unhas pequenas dores durante as dúas primeiras voltas, logra facer un último quilómetro a nivel de queniano, avisando a Pablo preto da liña de meta, que lles serve para prepararse para a foto entrando xuntos.

En resumo, un bo circuíto, boa organización e mellor clima, que fixo do triatlón de Muxía unha experiencia a recomendar o resto de compañeiros do club.

Agradecementos  a Pablo Jacobo Soto, a crónica.

 

Share this post