Gran papel do Club Atletismo Porriño na V Maratón da Coruña
O pasado domingo 17 de abril tivo lugar na cidade herculina o campionato galego de maratón, e nel participaron numerosos atletas do club (e arredores). Paralelamente, desenvolveuse a proba de 10 km, na que tamén houbo representación da Louriña, grazas a Mónica e Sandra…
A mañá presentábase sorprendentemente despexada (logo dos prognósticos da semana e da chuvia do sábado, que non agoiraban nada bo), sen vento e cunha temperatura ideal para correr. Reunímonos na zona da saída, en torno ao Obelisco e fixemos a foto de rigor para, acto seguido, despois de desexarnos sorte e facer algunha broma, partir á aventura: correr 42 km e 195 m, repartidos en tres voltas, polas rúas da Coruña.
O grupo casi ao completo. Falta Isaías.
A saída foi puntual e transcorreu sen atascos, a pesar de que saïamos na parte de atrás, polo que non tardamos en coller o noso ritmo (eu fixen case toda a carreira con José Ramón, un “ex” do club). Co paso do tempo as rúas comezaron a encherse de xente, agás na zona do porto, e a animación ía a máis, cun público entregado e con grupos musicais polo paseo marítimo. A verdade é que a primeira parte da carreira pasoume voando, charlando con Jose e animando aos compañeiros nas zonas nas que nos cruzabamos: Jesús Martínez, concentrado, pero moi enteiro; Manu e Esteban apiñados coma sardiñas no grupo de 3.30; Irene, sempre sorrinte e espontánea; Nando, co seu paso metódico e regular; Jesús Amieiro, ao final con cara de canso; e Carlos, con ritmo tranquilo pero aguantando.
Pero a medida que pasan os quilómetros o famoso “muro” fai a súa aparición gradual e comezan a pesar as pernas. Así, no km 34 Jose e mais eu separámonos e tirei un pouquiño por diante del, desexando a cada pouco chegar ao avituallamento (había cada 5 km). Na zona do porto vin a Esteban, que se descolgara do grupo de 3.30 e animeino a que me seguise. Así o fixo ata que unha cambra o fixo parar. Axudámolo a estirar Jose (que xa me alcanzara) e mais eu, e reanudamos a marcha, xa cada un como podía ata a meta, na praza de María Pita, onde estaban Mónica e Sandra animando e sacando fotos (moito lles temos que agradecer a súa presenza constante entre o público dende que acabaron o 10.000, aplaudindo e dando ánimos). O avituallamento final non estivo mal, aínda que as bebidas isotónicas estaban frías de máis, o que provocou algún pequeno “susto” coa indisposición dun compañeiro, pero sen consecuencias.
O éxito dos representantes do club foi total. Por que? Pois porque acabamos todos, e ese é un obxectivo moi razoable nunha carreira destas características.
Ademais, por se fose pouco, Irene Sobreira alzouse como campioa galega de maratón na súa categoría (posto 146 na xeral), cun tempo neto de 3:48:51.
O resto dos resultados do campionato galego son os seguintes (os tempos que se citan son netos):
Jesús Martínez foi 126º na xeral e 22º na categoría Vet40 cun tempo de 3:14:12
Manu Fernández foi 310º na clasificación global do maratón (el non corría o campionato) e 55º na categoría Vet45 cun tempo de 3:27:32
Un servidor foi 122º na xeral e 13º na categoría Vet50 cun tempo de 3:35:44
Nacho Louriño foi 441º na xeral global e 97º na categoría Vet40 cun tempo de 3:40:20
Esteban González foi 133º na xeral e 40º na categoría Vet40 cun tempo de 3:41:27
Nando García foi 162º na xeral e 17º na categoría Vet50 cun tempo de 4:04:58
Jesús Amieiro foi 169º na xeral e 36º na categoría Vet35 cun tempo de 4:15:41
Carlos Álvarez , escoltado na última volta polo gran Isaías Burlido, foi 179º na xeral e 50º na categoría Vet40 cun tempo de 4:26:42
Unha mágoa que non puidésemos estar presentes todos os que comezamos coas tiradas longas… Acordámonos moitísimo de Lito, Jose, Daniel e do gran Venancio!.
Carreira de 10 km
Polo que comentaron despois, Mónica e Sandra tiveron diferentes valoracións da carreira: Mónica Pena amosábase satisfeita, obtendo un tempo neto de 00:48:18 (12ª na súa categoría e 587ª na xeral), mentres Sandra Sobreira fixo unha carreira por debaixo das súas posibilidades, obtendo un tempo de 00:49:28 (586ª na xeral e 21ª na súa categoría).
E, como remate, tivemos a ocasión de contar as nosas “batalliñas” nun xantar en común que fixemos no mesón A Roda. Cansos, pero contentos.
Fotos: Mónica Pena e La Voz de Galicia
Crónica: Paco Conde