WILD WOLF DA CORUÑA 2013

WILD WOLF DA CORUÑA 2013

 

 

 

 

transición 
Fotografía: Archivo

 

 

Outra vez tocou madrugar para poder competir nun triatlón, pois a saída dos triatletas federados era ás 8:30 dende a praia de Riazor. Polo noso club participaban, en categoría olímpica, Saúl Fernández,Jorge Álvarez (ambos os dous debutaban nesta modalidade) e Pablo Soto que xa tiña experiencia do campionato galego de Ribeira deste ano, mentres que ás 9:15 tiña lugar a saída sprint, coa participación de Pablo García. En total, máis de 600 participantes entre todas as categorías, o cal provocou que houbese, en ocasións, pouco espazo para adiantar, sobre todo na bici, polo que houbo algún incidente como caídas e bicis rotas.

Para as ondas que se poden chegar a dar en Coruña, non estaba nada mal o mar aínda que a orientación foi complicada ao non ter referencias no horizonte e haber tantos nadadores na auga, e iso fixo que moitos triatletas percorresen uns cantos metros máis. Aínda así, tanto Pablo Soto coma Saúl conseguiron chegar ao primeiro punto de control con menos de 29 minutos e Jorge en 32 minutos. Pero o bo viña despois, pois o circuíto de bici se converteu en espectacular con medias de 35-40 km/h entre case todos os competidores. A iso axudou un circuíto practicamente chairo e a que non sopraba nada de vento, ademais de estar permitido o drafting, que sempre axuda un pouquiño se colles unha boa roda.

Como en todos os triatlóns que disputaron este ano, Saúl conseguiu coller a roda de Pablo a metade de competición conseguindo facer o tramo de bici de 38 km nunha hora exacta e Pablo nunha hora e dous minutos, mentres que Jorge a facía case tan ben como eles, non situándose ao comezo da carreira a pé moi lonxe deles.

 

Mentres tanto, xa empezara a competir Pablo García na súa proba sprint e que fixo de forma espectacular, facendo un 59º posto final en 1:20:59, con moi bos parciais en natación e ciclismo.

No último tramo de carreira, a pesar do cansazo acumulado, Saúl realizó,tal e como nos ten afeitos, os últimos 10 quilómetros en 40 minutos e uns poucos segundos (4:03 o quilómetro) e só unha pequena molestia no Aquiles de Pablo Soto levoulle a non arriscar, e rodar a ritmo de 4:36 para practicar a ½ ironman Desafio illas Cies, que realizarán unha gran cantidade de triatletas do noso club o próximo 15 de setembro na praia do Vao en Vigo.

Jorge Álvarez e Pablo García tamén fixeron unha moi meritoria carreira a pé, polo que todos os nosos compañeiros remataron moi satisfeitos a proba.

 

Agradecementos  a Pablo Soto pola crónica.

Share this post