CAMPIONATO GALEGO ESCOLAR DE CAMPO A TRAVÉS 2016
O sábado 12 de marzo tivo lugar na Estrada o Campionato Galego Escolar de Campo a Través, no que o noso club contou con representación nas carreiras correspondentes as categorías de Cadete feminino e Infantil masculino. Estes atletas clasificáranse no Campionato Provincial de Pontevedra que tivera lugar en Baiona o 13 de febreiro.
Ambas carreiras percorreron unha distancia de aproximadamente 2.300m nun entorno natural incomparable, na extraordinaria carballeira da praia fluvial de Liñares, na Estrada. Un soleado día de inverno que invitaba a correr. Pouco tiña que ver co día frío e chuvioso do Campionato Provincial.
Ás 11:00 daban a saída da categoría Cadete femenino na que Laura Mazoy García, tras unha boísima carreira, conseguía un magnífico cuarto posto na clasificación individual, sempre na cabeza da carreira e moi preto das primeiras posicións.
A carreira Infantil masculina tiña lugar ás 11:50. Nesta categoría participaron seis atletas do club que fixeron a súa entrada en meta na seguinte orde: Isaías Gil Rodríguez, Nicolás Mazoy García, Alberto Álvarez Martín, Pablo Almeida Seoane, Diego Rodríguez Rodríguez e Denís Castro Martínez. Un estupendo equipo que loitou por acadar os mellores postos conseguindo sumar os puntos necesarios (10+12+13+16) para obter un formidable segundo posto por equipos.
Parabéns a todos os participantes!
Crónica: Rosa Martín
Fotografía: Rosa Martín